A Xunta de Goberno Local adxudica a cuberta do parque das Fontiñas e desbloquea a capacidade do pavillón do Monte dos Postes

O proxecto foi adxudicado á empresa Arquitectura Textil SL por un importe de 174.143,20 euros, cun prazo de execución de cinco meses.
Esta actuación, froito dos Orzamentos Participativos e dunha demanda veciñal histórica, permitirá protexer da chuvia os 500 metros cadrados da área de xogo mediante unha estrutura lixeira, ignífuga e resistente aos refachos de vento, garantindo un uso continuado do parque malia as inclemencias meteorolóxicas.
No ámbito deportivo, o goberno local adxudicou por 63.946,18 euros á empresa Deseño Enxeñaría e Xestión de Obras SL a mellora das instalacións contra incendios do polideportivo do CEIP Monte dos Postes.
Esta intervención resolverá as deficiencias detectadas nun estudo do ano 2020 que mermaran o aforo máximo da instalación ata as 100 persoas. As obras —cun prazo de dous meses— incluirán sistemas de detección automática, novas bocas de incendio, mellora da iluminación de emerxencia e ampliación de vías de evacuación, permitindo recuperar o límite de 930 usuarios.
Entre os acordos adoptados tamén destaca a autorización da posta en servizo da segunda e terceira planta do Pazo de Raxoi. Antes de que remate o ano, centros educativos, asociacións e grupos turísticos poderán gozar de visitas guiadas para coñecer espazos singulares do edificio consistorial, como o histórico cárcere da Falcona.
Finalmente, en materia de benestar, aprobouse a repartición de 22.400 euros en axudas (2.800 euros para cada unha de oito entidades como Arelas, Acadar ou Fademur) para fomentar a igualdade efectiva e apoiar ao colectivo LGBTIQ+ neste 2026.
